viernes, noviembre 12, 2010

Visitamos a serra do Forgoselo

Onte, os primeiros da ESO fostes ata o Forgoselo.

Saímos do instituto ás nove menos cuarto e xa viñeron connosco no autobús Cristina e Pedro, os nosos guías do Club Montaña de Ferrol pola serra. Xa de camiño, Pedro, o biólogo, íanos achegando datos interesantes das cousas que viamos: o impacto da central térmica das Pontes, o tipo de paisaxe no que nos adentrabamos, o gando autóctono...


Chegamos ao curro e, mentres agardabamos a que escampase, explicáronnos que o Forgoselo era un LIC (lembrades o que significaba?), faláronnos da importancia da conservación e o respecto por todas as especies animais (lobos e xabarís tamén), xa que todas cumpren a súa función na natureza.

Logo tocou andar e descubrir todo un mundo de vida debaixo dos nosos pés, ata nas mesmas bostas que tanto noxo nos dan vimos que eran fonte de vida pra os escaravellos.

Aprendimos a diferenciar a mordida dun coello da dun peto nas pinas. Comprendimos perfectamente que non debiamos apañar ningún cogumelo sen levar connosco unha persoa experta, puidemos comprobar en vivo por que o "peido de lobo" leva ese nome.

Volvimos ao refuxio do curro e comemos algo. Quedamos abraiados cando nos dixeron que alí ao lado había unha mámoa . Explicáronnos en que consistían os enterramentos castrexos e aprendéronnos a comprobar se estaba "violada".

No propio curro imitamos os garañóns.

Para rematar a mañá fixemos un anaquiño do camiño de volta á pé.
Por certo, lembrades que era o que ten Pedro na man?

Ah! Preguntádelle á vosa profe de Ciencias como distinguir un sapo dunha ra.

Malia o frío e a chuvia, foi unha xornada onde aprendemos a mirar o chan e a natureza que nos rodea doutro xeito.

Se queredes ler algo máis sobre esta serra, a súa contorna, ou sobre o seu mundo animal e vexetal, pedide na biblioteca as guías que deixou Pedro para vós.

Como adoitan dicir por aquí: Que sexades felices!

No hay comentarios: